0 meu grande
anhelo é aprender a facer tales inexactitudes, tales anomalías,
tales cambios de
realidade (...), mentiras se se quere, pero máis verdadeiras
cá verdade literal.
V.V. Gogh
Podería falar do inútil das
olladas e do excitante que resultan os pasos en retirada; podería
falar daquel sorriso mentres (Ela) facía chorar a un home sen bágoas
nos ollos, que fuxía quedo, escoitando un "quérote sempre"
moi perto da caluga.
Podería falar de Ela, da rapaza
dos recordos, a que podería bicar cos ollos pechados (mais sen
beizos). Podería falar das verbas que gardan os ocos da
escaleira, podería falar do rapaz dos chanzos (subindo preto) e
botaría a man intentando coller un anxo de ollos azuis que bica
a morte co palatal superior, do xeito que a acariñou o poeta que
aínda agarda comigo o mal chamado "bus" das verbas, eu
resisto.
Podería falar dos dez espellos
que reflectiron sobre unha mesa da "Tasca" os seus
sonos, eses espellos que fan por se unir no fondo da gorxa da
terra (con maiúsculas: Nosa), podería falar da man (de verbas)
que por sempre lles quitará o bafo de diante dos ollos.
Mesmo podería falar da meniña de
cores que tivo medo a perderse ollando o mar e ó fin perdeu ó
que a maioría quixera perder (en terra).
Podería falar do sangue (con maiúsculas),
o que fai por olvidar as verbas, podería falar das elas (con minúsculas),
podería falar do pequerrecho loiro e o compañeiro coa mancha na
lingua; podería falar do rapaz que chorou en maio con bágoas de
tinta, para logo sorrir debuxando liñas que delimitaron o seu
propio sorriso no mesmo intre no que se entendeu debuxando as
mesmas liñas que o outro neno dos chanzos debuxara nunha mañá
de setembro compostelá.
Podería falar da xente que me fai
olvidar á xente da que podería falar e me fai falar do mesmo
xeito: podería falar de putas, de pederastas, de ninfómanas, de
nenos mortos, de maricóns, de lesbianas, de malditos, podería
falar de ti, podería falar de mulleres violadas, podería falar
da xente que bule dous pisos máis abaixo, podería falar do meu
xeonllo ferido, podería falar de arte e literatura, podería
falar dos namorados abeirados polos novos ollos da noite (farolas
anti-vandálicas nun parque, as xoias simétricas da cidade,
ollos perdidos en cores vivas de neón), podería falar de cando
pensei de facer do edificio de enfronte unha colmea de soños;
mais non se pode soñar dentro dunha caixa de cemento sen manchar
os ollos ó mirar pola fiestra, ventá, van; sen manchar os ollos
ó mirar.
Podería escribir, cambiar o mundo,
mais non se pode soñar (nen coas mesmas palabras) dentro desa
caixa de cemento e pensar que a vida (que o mundo) é unha
fiestra pintada na parede.
Non, non podo falar, non podo
escribir, pois non sei verbas que falen de un mesmo, non sei
verbas que falen de verbas, non sei verbas que falen dun son que
fora un nunca fun, non sei verbas que mintan mentiras, non sei
verbas, non sei verbas...
De fondo Leny Kravitz "if you
want it you got to believe", mentras firmo Oscar Sendón e
sigo pensando que non sei verbas que falen de un mesmo; verbas
que maten verbas.
Compostela, 20
decembro 99