|
A Plataforma cívica Nunca Máis vén de convocar o Foro da Verdade para
reflexionar sobre o acontecido no ano e medio trascorrido desde
A Plataforma cívica Nunca Máis vén de convocar o Foro da Verdade para
reflexionar sobre o acontecido no ano e medio trascorrido desde o desastre do
Prestige. Consideramos que é o momento de recoller todo o traballo realizado e
pensar o futuro inmediato en termos de avance democrático. É por iso que
propoñemos seguir traballando xuntos para erradicar as causas últimas desta
crise. Pois entendemos que para o progreso de Galiza, para resolver os nosos
problemas entre todos, para manter e reforzar a nosa dignidade é indispensábel
conquistarmos a democracia.
A persistencia das chamadas redes clientelares non sorprende xa a ningún
analista por moi afastado que estea desta realidade vixente. Como sabemos,
Galiza constituiu ao longo da súa historia un caso paradigmático de caciquismo
político. Segundo os observadores cualificados, boa parte da sociedade galega
segue aínda hoxe sometida a redes políticas baseadas en intereses
particulares. Este auténtico sistema de dominación que opera á marxe da
legalidade vixente sírvese das institucións e das organizacións democráticas
para lexitimarse.
O clientelista non é un vínculo político universalista. O patrón ofrece
favores persoais constituindo unha rede de intereses e pactos privados. Cara
arriba, garantindo ó político ou ó partido a bolsa de votos pra manter os seus
espazos de poder. Cara abaixo este sistema distribúe privilexios entre as
familias que desempeñan un papel elitista ou representativo. Estamos a falar
de cargos públicos, postos de emprego, subvencións, concesións, contratos,
exencións e outros beneficios de diversa índole. Estas novas redes
compleméntanse coas distintas formas legais e institucionais máis ou menos
modernas. O certo é que o clientelismo é un xeito de facer as cousas á marxe
da legalidade e baixo o imperio dunha moral particular.
As prácticas clientelares non son só unha doenza dun certo sistema
democrático. O clientelismo político é un fraude para todo o sistema de
relacións e contamina fondamente a sociedade civil. Todo indica que é este
sistema de dominación, herdeiro do caciquismo, quen continúa a xerar os
procesos de marxinación e exclusión social que manteñen a lacra da emigración
como único camiño para aqueles cidadáns que non están perfectamente integrados
no sistema. Lembremos que o noso país é unha das rexións europeas menos
desenvolvidas incluso para os indicadores de prosperidade ao uso. Abonda dicir
que hoxe esta sociedade depende de axudas públicas para subsistir
econonomicamente o cal non fai senón cebar o porco do clientelismo político,
onde as elites desempeñan funcións de intermediación, e afastarnos de calquera
dignidade que podamos proclamar.
Que as eleccións sexan formalmente democráticas non demostra que a sociedade
sexa plenamente democrática. Por iso é tan importante auditar os procesos
electorais como desenmascarar o feito clientelar e procurar as ferramentas que
incidan na súa erradicación. Debemos observar se as eleccións e os outros
elementos de afirmación democrática funcionan correctamente, pois é alí onde
se enfatiza ideolóxicamente o carácter voluntario do vínculo.
Os elementos que compre definir en relación co depauperamento do terreo de
xogo democrático son múltiples: clientelismo, carrexo de votos, voto cativo,
voto útil ou voto castigo, abstencionismo crónico… O voto cativo define aquel
tipo de votante que sempre vota por un determinado partido político, ou sempre
en contra doutro determinado partido. Nós cremos que neste contexto é a
sociedade e consecuentemente a democracia a que realmente está cativa. O
chamado voto cativo, xunto con factores colaterais como son a manipulación, a
presión e a ameaza directa ou indirecta, son aspectos propios dunha sociedade
predemocrática que deben ser denunciados e saneados se queremos chantar unhas
bases firmes para a convivencia cívica.
Nós cremos que para calquera empresa común que desexe emprender este povo e
para lograr calquera avanzo no progreso material (e moral) é completamente
necesario que abordemos este tema. Sabemos que a plataforma Nunca Máis é onde
se afirma hoxe esta vontade de cambio social e ten que ser ela o principal
motor desta iniciativa.
E propoñemos que a plataforma cívica Nunca Máis :
- Poña os medios económicos necesarios para realizar unha investigación que
analise da maneira máis completa posíbel esta realidade complexa. Nesta liña
xa demos os primeiros pasos promovendo a concrección dun estudo de diagnose
sobre os factores e motivacións que condicionan o comportamento e as actitudes
políticas da cidadanía galega. Mediante este instrumento imprescindíbel será
posíbel delimitar os factores explicativos, establecer as canles de
comunicación política, sinalar as estratexias de interacción política en cada
ámbito territorial, explicar os intereses que condicionan o comportamento
político e a súa mediatización por parte de axentes sociopolíticos,
establecendo a extensión das actitudes políticas.
- Deseñe e desenvolva unha ampla campaña de intervención social para
sensibilizarmos diante desta problemática vertebral da sociedade galega.
Cremos que esta campaña que debe ter unha duración determinada en meses e unha
planificación axeitada, abre unha interesante liña de traballo para os
diversos colectivos que integran a plataforma Nunca Máis e pode constituír
unha oportunidade para as aspiracións democráticas deste povo.
Asinan: Colectivo Mar de Tinta (…) [Confirmade o voso apoio]
paraquenuncamais@yahoo.com.br
|